Wednesday 15 de May de 2024

O Concello de Boqueixón oferta unha nova edición dos cursos de inglés para escolares e mocidade


O prazo de inscrición ábrese mañá e finalizará o 15 de setembro

O Concello de Boqueixón ofertará unha nova edición dos seus cursos de inglés para escolares e mocidade do municipio. O programa diríxese a alumnado de Infantil, Primaria, Secundaria, mocidade empadroada no Concello de Boqueixón e escolares matriculados/as nun centro educativo do municipio.
O prazo de formalización de praza ábrese mañá e estenderase ata o 15 de setembro. As persoas interesadas deberán remitir a ficha de inscrición cuberta (que se pode descargar na web municipal www.boqueixon.gal ) ao Departamento de Cultura e Educación ( cultura@boqueixon.com ou de xeito
presencial, sempre con cita previa no teléfono 981 513 115).
As clases darán comezo o vindeiro mes de outubro e estenderase ata xuño de 2021. Todas as sesións desenvolveranse nas instalacións do CPIP Antonio Orza Couto, levándose a cabo todas as medidas hixiénico-sanitarias necesarias para cumprir a normativa vixente en materia de prevención da COVID-19.
Os horarios para escolares de Educación Infantil e Primaria será luns e mércores, de 15.30 a 16.30 horas e martes e xoves, de 15.30 a 16.30 horas.
No caso de Secundaria e da mocidade, as sesións desenvolveranse os venres entre 16.00 e 18.00 horas.
Requírese un grupo mínimo de participantes para o inicio das actividades. As prazas son limitadas por grupo, segundo os diferentes niveis impartidos.
O custo dos cursos de inglés é de 25 euros mensuais. Dende o Concello ofrécense unha serie de descontos polo segundo/a fillo/a (rebaixa do 25%); terceiro/a fillo/a (50%); cuarto fillo/a e sucesivos (de balde).